Os cogomelos tóxicos e alucinóxenos.

Todos os outonos, coa chegada das chuvias aos nosos montes, brotan cogomelos e brotan os afeccionados que se achegan a buscalos, cociñalos e comelos.

E esta unha afección cada vez máis estendida, pero que precisa dunha formación axeitada, dun coñecemento exacto e minucioso das especies que consumimos cadaquén.

É sempre nestas datas que lemos na prensa ou na televisión de mortes por cogomelos, provocadas pola ignorancia, ou pola falta de atención ou precaución na súa busca e no proceso posterior que ten lugar na casa antes de cociñalos.

Hoxe imos dedicar un rato a coñecer mellor as especies non comestibles que podemos atopar á beira das que adoitan encher nosos cestos.

As setas tóxicas poderíanse clasificar de varios xeitos, sendo un deles, polo propio tipo de toxicidade que conteñen as mesmas.

Así teríamos dous grupos de toxicidades:
- As toxicidades de latencia curta
- As toxicidades de latencia longa

Con latencia curta adoitan ser intoxicacións menos graves e secundarias, dificilmente mortais.
Gastroenteriticas:
Serían os cogomelos que provocan náuseas e vómitos, as veces dores de ventre e diarrea. Estas intoxicacións evolucionan elas soas cara a curación nun día ou dous. O único perigo é a deshidratación, ou a posible mestura con outros cogomelos tóxicos de latencia máis longa. Chámaselle tamén síndrome resinoide.
Neste grupo temos representadas nos nosos montes:

Lactarius torminosu
Boletus Satanas
Tricholoma pardinum
Tricholoma sulphureum
Agaricus Xantoderma
Clitocybe cerussata
Clitocybe olearia
Hypholoma Fasciculare

Outro tipo de intoxicación é a neurolóxica, producida por cogomelos que conteñen ácido iboténico e muscimol, como a Amanita muscaria, a Amanita Pantherina e algunhas setas do xénero inocybe.
Actúan sobre o SNC, normalmente provocan vómitos, axitación psicomotriz e unha certa borracheira, que pode ter moitos grados en función da dose inxerida, chegando en algúns casos á depresión neurolóxica, similar a un coma. En xeral non adoita ser demasiado grave, máis alá da experiencia enteóxena provocada no intoxicado. De feito este tipo de intoxicacións adoitan ser voluntarias e non accidentais.

Para a cultura dos esquimais a amanita muscaria é a droga social por excelencia, e tanto este cogomelo como outros da familia psilocibínica tiveron moito que ver no xerme das relixións americanas e indoeuropeas.

Intoxicación psilocibítica, probocada pola psilocibina e a psilocina dúas sustancias de fóra, moi parecidas ás sustancias que o propio organismo utiliza nas súas sinapsis nerviosas. Estas sustancias son utilizadas en psiquiatría, e os cogomelos que a conteñen son lexión. Un feixe deles do xénero psilocybe, do que o proceso de cultivo está tan controlado como o poida estar o dos champiñóns que venden no súper. Varios panaeolus, stropharias, conocybes, inocybes, copelandia, pluteos e algunha outra tamén conteñen estas sustancias.

Psilocybe semilanceata
Panaeolus sprinctinus
Panaeolus subbalteatus
Gymnopilus spectabilis
Mycena cyanorrhiza
Inocybe calamistrata


O intoxicado, dependendo da dose de cogomelos inxerida, sufrirá alteracións da percepción, incluso disolución do eu, este estado dura de 3 a 6 horas, e o maior perigo que ten é que a persoa o pase realmente mal cando empeza a percibir a realidade sen todos esos filtros de percepción que temos cada quén. Eso é un mal viaxe, é como enfrontarse aos propios fantasmas, e cando non é na consulta dun psiquiatra, pois se pode pasar realmente mal. O tratamento sería básicamente soporte do paciente nun local con baixos estímulos sensoriais e que se tranquilice ata que se lle pase.

É moi curioso que algún lugar rico en micelios psilocibínicos, como o é o entorno da Franqueira, teña duas romerías cada ano, coincidindo co brote primaveral e co brote outonal destes cogomelos. Probablemente a xente xa subía ao monte a realizar algún tipo de rito no que os cogomelos algo terían que ver… e ao chegar a cristianización fixeron unha capela e puxeron diante da peregrinación ao monte unha imaxe dunha virxe, e xa temos montada aí a romería da virxe da Franqueira.

A famosa micofobia galega ten moito que ver coas prédicas dos curas, que temían o que descoñecían. A inquisición fixo ben seu traballo en galiza.

Intoxicación muscarínica, producida por cogomelos do xenero Inocybe e Clitocybe, especies blancas e pequenas sobretodo. Teñen síntomas dixestivos rápidos e teñen asociado o síndrome sudorífico, no que o paciente lagrimea e suda con gran intensidade. Non adoita ser grave e soe chegar cun lavado de estómago e hidratación, pero dependendo da dose pode ser máis grave, poidendo chegar bradicardias ou hipotensión.

Intoxicación cardiovascular: chamada tamén síndrome coprínico, causada polo Coprinus atramentarius que contén unha toxina chamada coprina, que non deixa realizar a oxidación do alcohol, polo que si se mesturan estes cogomelos co consumo de alcohol prodúcense náuseas ou vómitos, a pel torna de cor vermella, calor e palpitacións, sequedade na boca, arritmias e hipotensión arterial. Tamén chamada reacción ‘antabus’ xa que coincide coa que provoca este fármaco empregado para deshabituar alcohólicos. Hay un antídoto para este envelenamento.

Coprinus atramentarius.

Intoxicación hemolítica, propia dos xéneros Helvella, Sarcosfera, Peziza, Morchella e Amanita.

Amanita rubescens
Amanita vaginata,
Helvella,
Gyromitra esculenta

Non adoita ser grave. Os glóbulos roxos rompen cando se consumen esas setas crúas ou pouco cociñadas. Nos casos máis leves maniféstase por unha cor escura na orina. Nos casos máis graves pode chegar a insuficiencia renal.

O Paxillus involutus, un basidiomiceto, provoca os casos máis preocupantes desta intoxicación xa que provoca un mecanismo inmune de sensibilización aos antíxenos do hongo, que se fixan aos glóbulos roxos, co que é preciso botar man da plasmaférese para solucionalo.

Intoxicacións con período de latencia longo:

Cogomelos con hidracinas: a gyromitra esculenta. Está considerada comestible desecada ou fervida tirando coa auga da cocción para destruir as toxinas. Os síntomas suceden de 6 a 9 horas despois da inxestión e os trastornos poden ir dende as naúseas, vómitos e diarreas ata arritmias, hipotensión, trastornos da conciencia ata o coma, hemólisis, afeccións hepáticas e renais… un desastre. Nestes casos recúrrese a un lavado de estómago, tratamento de soporte e sintomático e boas dosis de vitamina B6.

Cogomelos nefrotóxicos: normalmente cortinarius orellanus. Moi rara esta intoxicación en Galicia, o período de latencia é longuísimo, de 3 a 17 días, co que difícilmente se relaciona a inxestión das setas coa propia intoxicación. Non hai antídoto e en casos graves recúrrese á hemodiálisis ou ao trasplante renal, porque este cogomelo desfai os riles.

Cogomelos hepatotóxicos:
Amanitas phaloides, virosa e verna,
Lepiota brunneo-incarnata
Galerina marginata

Son as responsables da maioría das intoxicacións mortais debido a súa carga de amatoxinas ou amanitinas. De 20 a 30 gr. De amanita phaloides son bastantes para encargarlle a un unha caixa de madeira.

Coas setas deste grupo faise certo o aserto: tódalas setas se poden comer, algunhas unha soa vez… xustamente falamos agora destas que se poden comer unha soa vez.

As amanitinas inhiven a síntesis de ARNm bloqueando a ARN-polimerasa II, polo que as células afectadas morrerán, concretamente as do epitelio intestinal e as do fígado. Estas toxinas son eliminadas pola bilis, pero volven a ser reabsorbidas no instestino, co que se establece un circuito enterohepático de consecuencias fatais. É necesario rachar ese ciclo intestino-fígado… mediante unha sonda ou forzando a diuresis. Os síntomas aparecen de 8 a 14 horas despois da inxestión. Primeiramente cunha fase intestinal coleriforme de diarreas graves e vómitos, que implican deshidratación e acidosis. Se non se tratase pode chegar a dañar os riles. Despois ven unha fase de melloría aparente de un día ou dous debida ao tratamento sintomático e aporte de líquidos no hospital. Despois ven a fase de agresión visceral, con lesións no fígado, ictericia… o paciente pode recuperarse ou quedar cunha hepatite crónica, ou ben empeorar e morrer. O tratamento implica a desintoxicación do organismo e en casos graves o transplante hepático.

(Notas da charla para ADENCO, nas xeiras micolóxicas do Condado, Outono 2010)